Coñece a nosa madriña

Cristina Pato naceu en Ourense e actualmente é unha recoñecida música, escritora, educadora e produtora. Na actualidade, a súa vida profesional está centrada na exploración do rol das artes na sociedade a través da docencia e da produción.

Nosa madriña, Cristina Pato Lorenzo naceu en Ourense en 1980. Desde moi nova iniciouse na música ingresando na Real Banda de Gaitas de Ourense aos 6 anos. Aos 18 anos publicou o seu primeiro disco, Tolemia (converténdose na primeira muller en gravar un disco en solitario como gaiteira en España). A este seguíronlle outro seis discos como gaiteira solista, pero os seus intereses musicais e culturais levárona a colaborar con artistas do mundo da World Music, do jazz, da música clásica, da música experimental e da danza, incluíndo o seu mentor Yo-Yo Ma, a Chicago Symphony e a New York Philharmonic, Osvaldo Golijov, Arturo O’Farrill, e os bailaríns Damian Woetzel e Lil’ Buck. O seu poderoso estilo, único e inconfundible, foi aclamado en varias ocasións por The New York Times e admirado por The Wall Street Journal ouDownbeat Magazine.

Foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” por The New York Times

Carreira musical
Ao dito anteriormente, hai que sumar que Cristina levou adiante o Cristina Pato Quartet (EUA), o Trío Galego (Europa), o dúo SOAS (con Rosa Cedrón) e o proxecto Invisible(s) (con Mazz Swift). Ademais de encargar unha ducia de obras para gaita galega e diferentes formacións, incluíndo o concerto para gaita e orquestra “Viúvas de vivos e mortos”, do compositor Octavio Vázquez, gravado pola Real Filharmonía de Galicia en 2018 (Odradek Records, 2021). Colaborou co Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma, desde o ano 2006. Co Silkroad Ensemble (2006-2020) participou en xiras pola China, Corea, Australia, Emiratos Árabes, Nova Zelandia, Europa e Os Estados Unidos, actuando en escenarios tan icónicos coma o Carnegie Hall, o Hollywood Bowl ou o Gran Teatro Nacional da China. Con Silkroad traballou tamén como Asesora de Educación (2014-2019), colaborando na planificación de residencias e actividades educativas, entre elas a cooperación multianual coa Universidade de Harvard, participando ademais coma profesora no The Arts and Passion-Driven Learning Summer Institute para artistas e educadores, deseñado en colaboración coa Escola de Educación de Harvard.

Tolemia. O seu primeiro disco en solitario.

Carreira como educadora
Desenvolveu o seu propio camiño para utilizar as artes como ponte de colaboración entre as humanidades e as ciencias en institucións académicas. Desde o ano 2012 colabora con diferentes universidades desenvolvendo proxectos de cooperación entre departamentos e disciplinas. En 2016 comezou unha colaboración continuada coa Universidade de California, Santa Barbara como a Arnhold Distinguished Artist in Residence coa súa clase: “Memory: An Interdisciplinary Exploration”, cocreada e coimpartida por Cristina Pato e os profesores Kenneth S. Kosik (neurociencia), Kim Yasuda (arte espacial) e Mary Hancock (antropoloxía). En 2017 foi nomeada Blodgett Distinguished Artist in Residence na Universidade de Harvard (colaborando con Kay Shelemay e Michael Uy no Departamento de Música) e no curso 2019-2020 ocupou a Cátedra de Cultura e Civilización Española no King Juan Carlos Center da Universidade de Nova York (NYU). No ano 2021 colaborou coa profesora Lisa Wong na iniciativa interdisciplinaria da Universidade de Harvard: Mind Brain Behavior cocreando e coimpartindo a clase “Creativity at the Edge: Health, Music and Community”.

Carreira como escritora e columnista
No ano 2015 comezou a súa andaina cunha columna quincenal no xornal El Correo Gallego, e desde o 2017 escribe unha popular columna semanal para a contraportada do periódico La Voz de Galicia titulada “A arte da inquedanza” pola que gañou o XVII Premio Afundación de Periodismo Fernández del RiegoNo ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro, con Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022).

Cristina nunha das localizacións do seu libro no pontino barrio de Covadonga.

Carreira como produtora independente
Cristina está especializada en eventos e proxectos centrados na intersección entre arte e sociedade, incluíndo a iniciativa ESENCIAIS 20/50 (en colaboración con Xaime Fandiño e CUNDE), o Festival Galician Connection e dous días de cultura en acción para o proxecto global The Bach Project de Yo-Yo Ma.

Na recollida do Premio Afundación de Periodismo Fernández del Riego.

Premios
Premio Artista Comprometido, outorgado pola Fundación Daniel e Nina Carasso, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba e o Premio da Cultura de Galicia. Tamén forma parte de varios consellos asesores, incluíndo o comité de artistas de Americans for the Arts e o Consello da Cultura de Galicia.

Madriña da EFF Rosalía
Con motivo da visita ao adestramento dos equipos Promesas e Cadete, Cristina recibiu a sorpresa por medio da directiva do club de ser a madriña da Escola de Fútbol Feminina Rosalía, proposta que aceptou sen dubidar.

Cristina Pato xa é unha máis da FebreAzul.

Check Also

Un ano mais colaboramos con Operación Quilo

A campaña alcanza os 37 anos de actividade e pódese doar roupa, xoguetes e comida …

Skip to content